Datos personales

Mi foto
Recitais de poesía, lecturas, presentacións de libros, teatro, marionetas, circo, cursos de baile, música, ioga, gastronomía, idiomas... No CAFÉ UF sempre se reuniu dunha forma estable gran cantidade e colectivos. Desde unha radio pirata que durante un tempo emitiu desde aquí a un colectivo anticonsumo, desde unha tertulia de literatura, a un club do viño, desde un colectivo de ciencia ficción a un coro...

19.5.10

UNHA VIAXE, VIAXE. (VI), BARCO ANCONA- PATRAS

Luns 23 de decembro

Son as cinco da mañá. É imposible durmir, o temporal aumenta. Cada vez que logras conciliar o soño nun vaivén incesante, vén un gran golpe de mar que fai retumbar o barco e espértasche na baixada dun tobogán.



É a nave de Alceo. Ao final decido levantarme e baixar á cafetería.
Polas escaleiras a xente dorme tranquilamente. Os camioneiros deixan os seus grandes bandullos ao descuberto entre ronquidos desvergonzados.
Aparecen os viaxeiros dos camarotes duchados, mudados, elegantes e descansados. Mentres, os que durmiron onde boamente puideron, desperezanse legañosos, sucios, suados e enfadados. Resucitan dun soño pouco reparador.
Saio a borda. Inda é noite. O estrondo das ondas contra o barco asustaría a calquera. Pero alí tamen están curtidos mariñeiros gregos que non parecen inquietarse senón máis ben gozar do espectáculo. E se eles non se preocupan, todo vai ben.
Calculo que debemos estar pasando por Corfú, ou talvez Ítaca. Volver ler a Odisea nesta viaxe foi unha boa idea. Sobre este mar, neste barco, con este cheiro a salitre, o libro sabe distinto, cheira distinto, fala distinto, chora distinto. O mesmo mar, cun temporal como algún dos que asustou a Odisea e os seus camaradas. A noite igual de escura que entón, cos mesmos lóstregos, o mesmo extravío, a mesma condena… e a mesma voz das mesmas sirenas…


“Ulises é un bó exemplo daqueles navegantes preparados para sufrir todo tipo de desgrazas, para soportar todo tipo de calamidades con tal de engadir novos horizontes sobre os que pousar os seus ollos de viaxeros” di Souvirón
Pero agora sabemos que é un erro chegar a Ítaca, que é un destino ao que nunca xamais se debe chegar. Tiveron que pasar corenta séculos para descubrir esta verdade… E quizá se deba a que no século XX comezan a aparecer as primeiras gretas nun modelo que, eses a quen Homero chama aqueos e a historia chama micénicos, implantaron na península balcánica e nas illas do Exeo, XX séculos a.C.
Un modelo que se estendería por toda Europa, por toda a historia, e ao fin, por todo o mundo. Un modelo que creou un tipo sociedade, de familia, de home… e a desaparición social, o encarceramento no ámbito do fogar, de millóns e millóns de mulleres, de todas as mulleres, ao longo de miles de xeracións, o asasinato civil da muller. A súa desaparición da vida social, a súa relegación aos muros da casa débese á vitoria dese conglomerado de tribos arias, micénicas, patriarcales, que venceron aos exeos matriarcales. Isto cambiou a historia para sempre. Somos fillos de Homero como di Bernado Souvirón. “Sempre crin que este é un dos momentos decisivos da historia do mundo, unha desas encrucilladas en que os camiños levan a lugares moi distintos, a través de lugares moi distintos.”
A guerra triunfou sobre a paz, o home sobre a muller, a morte sobre a vida. E para vencer e garantir que esa vitoria perdurase polos séculos dos séculos, crearon a relixión máis fabulosa da historia da humanidade. E Homero é o encargado de escribir os dous libros “sagrados” desa relixión. A mitoloxía, a Ilíada e a Odisea, a arte grega… foron os instrumentos utilizados para seguir vencendo logo da vitoria militar. Pois aquelas tribos aqueas das que somos fillos, sabían que a vitoria sobre un inimigo culturalmente moito máis avanzado, termina invertíndose debido a que os vencedores déixanse fascinar, convencer, asimilar… pola cultura superior aínda que esta non quixese, non sabera, ou non poidera investir esforzos en ser militarmente forte.
O mito de Pandora e a súa posterior concreción na Helena da Ilíada, son a auténtica orixe da desaparición social da muller.
Non hai realización humana algunha que non teña detrás unha ideoloxía, nada é inocente. Declarada ou non declarada, consciente ou inconsciente, toda obra transmite unha concepción do mundo. E máis que á Biblia ou aos Evanxeos, o noso mundo é debido a Homero.


Sobre as sete da mañá o temporal amaina. fora fai frío. Amence nun azul aceirado entre o que aparecen “os dedos rosados da aurora”.
Alí estamos, fóra, cun grego e dous turcos. O grego é o único que sabe exactamente cal é a costa preto da que navegamos. Ata dá o nome do pobo de Albania que se pode ver con toda claridade. A babor Corfú. Explícollo aos turcos que están preguntándose onde estamos. Sorpréndense de que fale un pouco de turco. Explícolle a razón e pregúntanme en que sitios estiven de Turquía. Quedan asombrados ao comprobar que coñezo moitos máis lugares do seu país que eles mesmos. Van a Atenas onde lles esperan dous camións que conducirán por media Europa.
Na costa Albanesa vense pobos construídos recentemente con construcións feas, altas e caóticamente colocadas. Ao longo da costa deshabitada pódense observar claramente os búnkers abandonados, inútiles e absurdos. Construíronse setecentos mil búnker en toda Albania. Para unha poboación de tres millóns de habitantes, un bunker para catro ou cinco persoas. Con eles o exasperado e autista comunismo albanés pretendía defenderse da invasión capitalista.

Cantos tolos abanderáronse de belas e xustas ideoloxías. Cantas ideas liberalizadoras e solidarias foron degradadas e enfangadas por dementes como Hoxha, Stalin, Pol Pot… Principios sacros de bondade e fraternidade foron violados, torturados, retorcidos, exasperados por uns tolos fanáticos que terminaron por converter soños en pesadelos. En mans deses bastardos alienados, calquera creación marabillosa do espírito humano vólvese pesadelo, inferno, morte…
Sempre hai un Pablo de Tarso ou un Stalin capaces de lograr que amor termine significando odio, bondade maldade, xustiza desigualdade, pobreza luxo, igualdade privilexios, liberdade opresión… E sempre o logran por medio da violencia e o terror.
É certo que o tempo termina arroxándoos sempre ao vertedoiro da historia. Pero ás veces o tempo do seu reinado é longo, e ás veces as consecuencias do seu paso pola historia son catastróficas, genocidas e dolorosísimas. E sempre as fermosas ideas sobre as que caeron as súas fauces, quedan feridas de morte.


Os grises e tristes bunker albaneses agora son melancólicos monumentos erixidos ao absurdo e á tolemia do estalinismo autárquico. Aí quedaron coa súa mirada perdida no mar, gritando aos barcos que pasan, a súa vergoña e o seu arrepentimento por axudar a asasinar unha ideoloxía nacida para liberar ao home, para protexer ao débil, para traer harmonía, liberdade e felicidade á humanidade.
O barco pasa baixo o cantil da illa de Levkada desde o cal unha tradición totalmente falsa di que se arroxou Sapfa de Eresso toleada porque Faón desdeñou o seu amor Falso tamén Faón e falso o amor dela. Cantas falsidades escribíronse sobre a máis sublime das poetisas, …e dos poetas. Durante dous mil seiscentos anos sufriu unha manipulación sen tregua. A patriarcal cultura romana, o cristianismo, o pensamento reaccionario… e tamén o feminismo, todos deformarona ata facela irrecoñecible. E non é menos triste a utilización que fixo o feminismo moderno, que a que fixo o machismo de sempre. Hai amores que matan. Pretendendo convertela en icona dunha loita que non necesita xustificación algunha pois se levanta sobre a máis monstruoso inxustiza da historia da humanidade, a que condenou á aniquilación social á metade da poboación, pretendendo convertela en icona, o feminismo tamén a deformou ata convertela nunha entelequia, utilizando conceptos anacrónicos e estraños ao seu pensamento e a súa vida.
Dela díxose todo. E a verdade sempre é máis complexa que o trazo groso dunha diatriba de púlpito ou o panfleto dun feminismo que non merece ser chamado así.
Fronte a esta roca de Levkada penso naquela muller irrepetible cuxa importancia é difícil ver entre tanta maleza, que a finais do século VI a.C. viaxou por este mesmo mar, en sentido contrario ao que leva este barco, acompañada do seu marido Kerkilas e da súa pequena filla Cleis camiño do seu exilio siciliano.
Volveu viúva á súa amada illa onde toda as súas riquezas foran confiscadas, quizá perdoada por Pítaco. E alí seguiu compondo unha obra (en toda a amplitude desta palabra) que hai que pór á altura de Homero, e quizá polo que supón para a humanidade actual, xunto con Arquíloco, pola sobre Homero.
Coñecer o lugar no que veu ao mundo é outra das razóns desta viaxe. Pero é posible que a maldición que me persegue cúmprase tamén esta vez e non poida pisar esa illa no meu enésimo intento.



O barco atraca en Igumenitsia. Xa estamos na sacra Grecia. A miña única e verdadeira patria. Nela vivo desde que a vida deume a facultade de elixir.
Cantas patrias temos…
A patria na que naces, da que mana o río de sangue que chega ata ti a través de xeracións.
A patria imposta, a que ten o nome dunha derrota que herdas e á que che obrigan a pertencer en contra da túa vontade, encargada de expedir o teu pasaporte.
A patria de clase, con todo o mundo por territorio, que comparte a utopía de igualdade e solidariedade universal.
A patria do espírito…
E a patria elixida polo corazón e os sentidos. Unha patria que agora está repartida en dous estados pero que segue indivisible no pensamento de millóns de persoas.
Os acontecementos históricos fixeron que hoxe esa parte de Grecia chamada Asia Menor, a auténtica orixe de Grecia e do que somos, estea no estado turco.
En Asia Menor comezou a cultura occidental, comezou o home tal e como é, a poesía, a filosofía, a ciencia, a tecnoloxía… e, sobre todas as cousas, xerminoue, creceu por primeira vez para o home A LIBERDADE.
Co nacemento das pólis, setecentos anos a.C., en Jonia, Asia Menor, nas cidades-estado de Mileto, Éfeso, Samos… o home alcanza o máis alto dos estados: aquel no que se volve dono dos seus actos, arrebatándolle esta prerrogativa aos deuses. Faise dono da súa vida e da súa individualidade. Vólvese lírico e non épico, dáse conta de que pode falar e cantar sobre el mesmo, sobre o individuo que é, que non está condenado nin a disolver a súa persoa no grupo, nin a deixar a responsabilidade dos seus actos en mans dos deuses.
Coa pólis, nace a política e a ciencia, ou o que é o mesmo a relación coa sociedade e coa natureza. Coa política, o cidadán que intervén para decidir “individualmente”, que se fai consciente de que ten deberes e tamén dereitos.
O máis fermoso das viaxes que realizou a humanidade é esa viaxe no que o home sae da colectividade para ser home libre e libremente volve a ela, pero xa como responsable dos seus actos. E todo iso pasou nun lugar da Hélade chamado Jonia, Asia Menor.
A Grecia moderna logrou conservar parte de Asia Menor, as illas de Samos, Rodas, Lesbos, Jíos…, pero a Asia Menor continental quedou en mans do estado turco: Troia, Mileto, Éfeso, Pérgamo, os Dardanelos, Halicarnaso… e Esmirna a cidade grega (hoxe turca) máis bela que existe, “a perla de Asia” chamábana, a patria de Homero.
É a esencia mesma do que somos. Porque é posible que se pense que o home comeza a ser verdadeiramente home cando alcanza o logos, pero hai un momento previo no que alcanza a individualidade, a lírica, A LIBERDADE. É transcendental. Nesta terra convertémonos no que somos.

PATRAS

Un dos viaxeiros gregos fala español con acento chicano. Aprendeuno de amigos mexicanos que tivo en California. Tamén viviu en Canadá, coñece Córdoba, Granada, Xerez… É un home estraño, fala moi baixo, coma se tivese medo de que o que di sexa escoitado por un inimigo sempre á espreita. Coñezo ese tic que lles queda a algúns logo de anos de clandestinidade política. Ás poucas frases, estamos baballoando contra os EEUU, contra a UE, contra Papandreu, contra a esquerda domesticada, a banca e todo o asqueroso sistema. É radical, moi radical, e aínda creo que é máis dos que aparenta. Está claro que non se atreve a dicir todo o que pensa.
A pesar de que en varias ocasións fose lóxico o que dixese de que parte de Grecia é e cara a que lugar vai, calouno clamorosamente.
Temos un sexto sentido, sempre terminamos por atoparnos. En calquera lugar do mundo, hai alguén coas nosas ideas. Quizá nunca cheguemos a vencer, pero tampouco chegaremos nunca a desaparecer. E mentres sigamos pisando esta terra, a esperanza tampouco desaparecerá.
O home clandestino é moi amable, e fainos un gran favor pois chegamos ás catro da tarde a Patras e lévanos directamente ata a estación de autobuses, cómpranos os billetes e acomódanos no autobús. Compra o seu billete despois do noso para que non podamos ver onde vai. Durante o tempo que dura a espera na estación, falamos de política, da crise económica e de quen terminarán pagando, os de sempre, os pratos que romperon os de sempre.
O grego prestounos unha boa axuda. Fai calor, cargados, buscar a estación levaríanos bastante tempo e cansazo. E a chegada a Atenas vai ser o punto máis conflitivo da viaxe.
Despedímonos. Sae o autobús e vemos a aquel home quedar alí, só, empequenecido porque sobre os seus ombreiros pesan todas as desgrazas da clase á que pertence, ou elixiu pertencer. É unha visión ferinte, porque vive a solidariedade e a loita dunha forma dolorosa.
Enseguida faise de noite. O azul da escuridade é denso e angustioso. É a hora asasina.
O autobús está cheo de estudantes que van pasar o Nadal a casa.
Longa parada por un accidente. Un camión esta cruzado na estrada.
De Patras a Atenas, catro ou cinco horas.
Preto da estación dámonos conta de que a nai e a filla que van nos asentos contiguos falan nun español de Latinoamérica. Preguntámoslles se son arxentinas e dinnos que son chilenas. Pero que viven en Patras desde fai anos, e que van visitar a unha irmá que vive en Atenas. Outro golpe de sorte por que son elas as que nos informan de que a estación queda moi lonxe do centro, que debemos coller un taxi, que son baratos. Indícannos onde collelo e que debemos pornos na cola. O favor non é pequeno. A estación é grande e está ateigada de xente. Levaría horas saber que facer. E ademais, é de noite. Nunca chegara a Atenas en autobús.


ATENAS


Pómonos na cola de taxis e cunha rapidez inusitada estamos dentro dun. “Kalispera. Parakaló, Sintagma”


Efectivamente a estación está bastante lonxe do centro. Pero a conta do taxi non chega a seis euros, debe ser o único barato que hay en Grecia. Chegamos a Sintagma, é un momento complicado porque o taxista non ten cambio. Os quiosqueiros da praza non queren cambiar, non se arriscan a coller o billete de 50 euros. Présas, tráfico, xente apurada. O taxista sae do coche e tampouco consegue quen lle cambie. Pero o Nadal non é tempo de amor e favores? Ao final pregúntanos que canto temos cambiado. Un pouco máis de cinco euros. Cóllenos as moedas, e vaise.
Nun intre doume conta que o meu cálido e vermello anorak foise no taxi para sempre. O meu anorak… que non era meu, senón do meu sobriño, aínda que creo que xa non lle servía. A praza de Syntagma é o centro de Atenas. Agora está profusamente adornada con motivos do Nadal.
No medio, unha gran árbore de Nadal igual ao que queimaron os estudantes enfurecidos polo asasinato dun compañeiro. Tiña quince anos, chamábase Alesandros Grigorópulos, e fai un ano que para el “a morte saiu a rúa nun día asim”, como cantase José Afonso. Tamén Teodorakis tivo que cantar unha morte parecida, que inmortalizou na súa celebre canción sobre o mozo Petrula. Cantos nomes lévannos asasinado nas rúas de Atenas, de Lisboa, de París, de Bilbao, de Madrid, de Xénova… Canta sangue anarquista, comunista, nacionalista, xudía, armenia, palestina, africana, bosníaca…
Sangue de mil utopías, de mil soños, de mil xustizas truncadas, de mil xenerosidades absolutas…As rúas do mundo píntanse e repintan de vermello día tras día. Sempre hai un ser humano xusto disposto a non transixir, e un ser inhumano inxusto disposto a matar para manter os seus privilexios, a súa orde, ou os seus fanatismos, o seu mercado.
Non fai frío. Son as oito da tarde.
Como T. saíu precisamente hoxe para Galicia vémonos obrigados a buscar un hotel, o máis cerca posible da praza, para poder liberarnos das mochilas e saír de noite.
Nunha das rúas que saen de Sintagma en dirección oposta ao parlamento, atopamos un hotel chamado Aquileas. Corenta euros noite por persoa, con almorzo de bufé, incluído. O nome merece que nos quedemos. Sorpresa: luxosas habitacións con caixa forte incluída. Gardamos a Ilíada e a Odisea na caixa forte e saímos.
A cidade, baixo un clima inusitadamente cálido para esta época, desbórdase en marabillosas terrazas, restaurantes, papanoeles, panxoliñas, multicolor alumado e adornos do Nadal. E compras, moitas compras.
A rúa peonil que baixa cara a Monasteraki é un fervedoiro de rebaixas. Hai un home que toca marabillosamente un salterio, outro unha pianola de manivela digna de estar no museo dos soños, unha fanfarria balcánica disolta pola autoridade…
Os vendedores ambulantes africanos escapan da policía, e volven, e volven escapar, ata que non se sabe se son eles os que perseguen ou os que escapan. Despois, aparece a policía correndo, os africanos, por costume, bótanse a correr, pero a policía detén a unha muller elegantemente vestida que se dedica ao vello oficio de carteirista, e os africanos quedan desconcertados. Parece que a policía atopou un entretemento distinto.




É posible que este non sexa o país máis rico e feliz de Europa pero desde logo, paréceo. É posible que agora sexa o máis pobre, practicamente está na bancarrota. A odiosa dereita grega deixouno ao bordo da quebra total, malgastou, roubou, enganou a Bruxelas dando datos falsos da súa economía durante anos…, ata chegar á situación desesperada na que agora se atopa. E cando haxa que facer o gran axuste que lle esixirán o gran sacrificado será, como sempre, o pobo e os seus xa debilitadas e escasas conquistas. As pensións, a idade da xubilación, o recorte do soldo dos funcionarios, a subida dos impostos, o recorte en sanidade, o ensino…
Pero vendo este malgaste de consumo, este desenfreo hedonista de lecer, estas
terrazas e estes restaurantes ateigados de gregos que beben, comen e charlan felices como millonarios sen problemas, demostrando que a crise tráella á expectativa, vendo esta alegre parranda, un dúbida de que lle pase algo a súa economía.
E por que non… Son gregos. Saben que o mundo débelle o máis precioso que o mundo ten. E Europa débelle a esencia mesma do que é. Ata o nome de Europa é grego, e non cobran dereitos de autor. Sempre se lle permitirá todo, sempre se lle dará todo o que pidan, porque a humanidade sempre estará en débeda con eles. Ademais os que se poñen nerviosos son os bancos alemáns, que é nas máns de quen està a débeda grega.
E que dicir da mafia grega, e da mafia política grega… Que dicir desas dinastías civís que gobernan a dereita e a esquerda xeración tras xeración: os Caramanlis, os Michotakis, os Papandreus…?
Se os gregos tivesen unha mafia como a SGAE e montasen un chiringuito depredador como ela, para cobrarlle os dereitos de autor de todo o que o mundo usa cada día da súa cultura, serían o país máis rico e poderoso do mundo. Se cada vez que alguén pronunciase Odisea, Ulises, Troia, logos, musa, Homero, teatro, Platón, épica, filosofía, Edipo, ética, democracia… (a lista é infinita), tivese que pagar un céntimo a Grecia, as universidades, os estados e os cidadáns crebarían, e Grecia nadaría nun mar de ouro. Por iso o mundo sempre estará en débeda con este país. Aínda que cada mes houbese que salvalos dunha quebra, aínda así non lograriamos resarcir nin unha milésima parte do que Grecia nos regalou, do que o xenio grego ofreceulle ao mundo.
A solución da economía grega non pasa por un Papandreu, necesitan a un Tedy Bautistapoulos. Con el os mármores da Acrópoles roubados polos ingleses estarían xa en Atenas, e nós teriamos que sumar ao orzamento da viaxe, o pago do canon de dereitos de autor por ir lendo a Homero. El sería capaz de atopar aos seus herdeiros debaixo das pedras de Esmirna.
Paseo por Monasteraki. Cea nunha das terrazas. Estaría ben poder ir a un Rembético, pero sen a nosa guía galega resultan difíciles de atopar. Decidimos non intentalo, aínda que é o mellor que se pode facer en Atenas de noite, sempre que non sexa verán. Optamos por tomar unhas cervexas nunha terraza. Ademais é posible que á volta pasemos outra vez por Atenas.
Mañá iremos ata o Pireo e pola tarde colleremos o barco para Jíos. Pasaremos a Noite Boa navegando polo Exeo, o mar no que todo empezou. É a gran matriz do home moderno. A pesar de que leve o nome dun suicida, a vida tal e como a entendemos xurdiu nese mar, ao redor dese mar. Haberá un lugar mellor para non celebrar a insoportable Noite Boa, que sobre as súas augas?





No hay comentarios: