Datos personales

Mi foto
Recitais de poesía, lecturas, presentacións de libros, teatro, marionetas, circo, cursos de baile, música, ioga, gastronomía, idiomas... No CAFÉ UF sempre se reuniu dunha forma estable gran cantidade e colectivos. Desde unha radio pirata que durante un tempo emitiu desde aquí a un colectivo anticonsumo, desde unha tertulia de literatura, a un club do viño, desde un colectivo de ciencia ficción a un coro...

7.4.10

UNHA VIAXE, VIAXE. (IV) FRANCIA, ITALIA


FRANCIA, ITALIA. .

Sábado 21 de decembro

O tren párase, espértome. Noite. As cinco da mañá. Levanto a persiana e da outra parte do cristal…¡neve! Unha gran capa de neve iluminada polos farois da estación.
A fronteira con Francia. .
Unha cama nun tren confortable, e a neve fóra. Que máis se pode pedir?
”O demais, é tan só o demais”. .
A parada é longa.

Cando amence a paisaxe está totalmente branca. Ao parecer, Francia e Italia están baixo unha onda de frío e neve. O tempo perfecto para viaxar en tren. Hai dúas cousas na natureza das que nunca se cansa un: o mar e a neve. E parece que aos que gozamos do mar estanos negada a neve, e viceversa. .
Escapar do Nadal foi o motivo principal para realizar a viaxe nesta data. O saciarme de neve foi outro. Pero crin que non a atopariamos ata a Capadocia ou no Kurdistán. Isto é un agasallo inesperado. Almorzando no restaurante, mentres cruzamos as chairas nevadas do norte de Italia. Non pecho os ollos por medo a perder un instante do que hai alén do portelo.


Neve. E os recordos vanse quedando atrás, con cada xiro que dan as rodas do tren vanse gastando ata desaparecer. Neve. E eu son só ollos. Non recordo nada, a patria afastada, aquel idioma que é o meu, a xente que digo que é a miña xente, o pobo que dixeron que era o meu pobo, a clase á que me fun a vivir en conto tiven uso de razón e razón de uso, dela tamén o esquezo todo, aquela paisaxe e aquel mar… todo desaparece como desaparecen os camiños e os campos baixo a neve.
Neve. Non hai nada, só neve. Non temos nada, non somos máis que o instante que respiramos. Os cadernos que sempre me acompañan son o que levanta acta do meu paso polo mundo. Para que? Para quen? Para nada, para ninguén. Como todo o que se fai ou crea. Ao final todo terminará na nada. Este sol apagarase. Esta galaxia tamén desaparecerá. E desta inexplicable experiencia que chamamos vida non quedará nin a sombra do seu rastro. Todo o demais é vaidade. É unha infantil vaidade. Inútil e absurda. Vivimos, creamos, construímos, para unha eternidade que non existe. E se estamos condeados a repetir eternamente a mesma existencia nun retorno sen fin como decía o sabio de Röcken, polo menos terei a satisfacción de non ter pasado as eternidades facendo o imbécil. Aínda que é posible que esta decisión tiveraa tomado fai unha eternidade.
Nada máis. A neve que pasa veloz polos meus ollos. E esta alma miña, en paz, cada vez máis pobre, cada vez máis rica. A felicidade está no albo baleiro da neve.




MILÁN

Chegada a Milán. Impresionante estación, un monumento a construción civil. Está na gran praza Duca D'Aosta. Foi construída en 1931 sobre os restos da vella estación de 1860 que era xa incapaz de absorber o incremento de tráfico. Está construída a partir dun deseño de Ulisse Stacchini realizado en 1912 que se inspiraba na Union Station de Washinton.


Coa chegada de Musolini ao poder acelerouse a súa construción e foi modificada para que cumprise co labor de ser a obra que mostrara a grandiosidad do novo réxime. É entón cando se lle introducen introdúcen as cúpulas de aceiro ao proxecto.
Hoxe é a segunda estación de Italia. Por ela pasan máis de trescentas mil persoas cada día, 120 millóns ao ano.
Ten douscentos metros de fachada e a súa bóveda 72 metros de altura. É dun estilo ecléctico indefinido, aínda que se lle aprecian trazos de Art Decó. Resultan admirables os altos teitos, as figuras de pedra e a súa decoración clásica.
Dise que xunto coa estación Grand Central de Nova York son as dúas estacións máis bonitas que existen. Pero eu, que coñezo a de Nova York só por mil películas, poría antes a estación de Haydarpasha que foi un agasallo do Kaiser a Turquía, e que é como unha inmensa catedral civil colocada na mesma beira do mar de Mármara. Un lugar ao que os amantes do tren deberiamos peregrinar. Deberiamos crear un camiño, un Xacobeo ferroviario, pero en dirección contraria, ata a estación de Hydarpasha; unha vez alí dar un croque contra unha vía morta, e utilizar unha vella locomotora de vapor como Botafumeiro, despois facer cola para conseguir que nos selen a haydarpashariña e… ¡a emborracharse de raki!...e a comer “ahtapot” a feira
Hoxe, en Milán, parece que os seiscentos trens diarios que recibe esta estación tolearon polo frío e conseguiron este monstruoso caos nesta xigantesca estación conxelada. A onda de frío que arrasa a Italia logrou que centos de trens estean cancelados ou cheguen con atraso de horas. .
Unha masa de viaxeiros ateridos móvese desconcertada dun lado a outro, vendo paneis con horarios imposibles, con “ritardos” infinitos, con cancelacións criminais, lanzándose ao tren que chega coa desesperación do que leva horas vagando entre o xeo e a desesperación.
A cola para comprar o billete a Ancona non ten fin, e a súa lentitude é exasperante. En teoría o tren sae ás nove cincuenta pero arrastra un atraso de tres horas, o que tiña que saír ás once e media, tamén. Ao final únense os dous e ninguén sabe a que hora sae. Aparece un tren que vai a Ancona, os viaxeiros corren cara a el. Que non se cabe, que teñen que coller outro, que xa dirán cando sale, que teño billete, que non se pode… O mellor é non facerlle caso a revisor e meterse no tren. “Se entran, terán que ir de pé”. Pois, ben. Pois, é igual. Vale máis morrer de pé nun tren, que vivir arrodillado polo frío nunha estación xeada e traspasada por ventos que cortan o alento. Entramos dispostos a buscar un sitio onde sentar no chan. Unha boa señora italiana venos os billetes e dinos que temos dereito a ir sentados no vagón anterior. Efectivamente alí están os asentos esperándonos.

O tren ponse en marcha no medio do caos exterior e interior. O comprar os asentos en primeira, salvounos. O vagón no que imos ten o aire acondicionado estragado. Rodamos nun mar de neve, e a xente ten frío. Óense protestas aquí e alá. Aos poucos vaise elevando o ton do enfado. O cabreo encabézao un elegante italiano que levanta a voz fronte á súa muller que lle pide que se acougue. Pero el cada vez está máis enfadado, e chama ao revisor. Este acode armado de paciencia. “Síntoo moito, se queren pódense vostedes baixar na estación de Bolonia. Daráselles un pase para que collan vostedes o seguinte tren. Estamos intentando arranxar a avaría, pero as instrucións están en español e os técnicos non son capaces de descifralas”. “Ah non, eu non me baixo. Iso é o que vostedes quixesen. Co caos que hai de trens en Italia, como para baixarse. Unha vez fora do tren, vostedes déixannos tirados. Non, Non eu non me baixo”. “Pois outra cousa non podemos facer” “Porca Italia. Isto é incrible. Lévannos aquí, como deportados. E iso que é primeira clase. Isto non se pode consentir”. .
O italiano encabuxado cada vez vaise enfurecendo máis. E continúa levantando a voz dirixíndose ao resto dos viaxeiros co fin de ir preparando un motín no frío vagón. Pero isto é Italia, e estas xentes son italianas. O revisor ponse a contarlle a súa vida, os seus longos anos servindo nos trens, as homenaxes recibidas na súa longa carreira. Unha muller levántase e achégase ao grupo e opina sobre a neve, o frío, Italia, o revisor, e o seu gato que dorme placidamente na súa cesta. O encabuxado agora fala afablemente co revisor e todo o grupo reláxase e chancea en amigable charla. Ninguén diría que fai uns minutos estivesen a piques de desatarse as hostilidades. Son italianos.
Os viaxeiros len a Homero mentres a neve achégalles a Ancona nun mar de trens.

ANCONA primer día.



Chegamos a Ancona á hora en que debería saír o barco para Grecia. A estación está a uns dous quilómetros do porto. Non hai taxis libres, un autobús parado que vai ao porto non sae aínda, un matrimonio de gregos desesperados van dun sitio a outro intentando sen éxito buscar quen os achegue a barco.



Decidimos ir andando a toda présa. Cando chegamos ao porto dinnos que os billetes véndense no outro porto. Collemos un autobús que nos leva ata a oficina que despacha os billetes. Ao chegar despachan un billete, e pechan o portelo cando entramos nós. Pedímoslle, suplicámoslle, que nos venda os billetes e a muller dubida un momento e o xefe, un fillo de puta amargado, di “domani,domani”. Insistimos, pero aquel imbécil berlusconiano repite con máis saña aínda “domani, domani”. Así que por culpa daquel cabrón vémonos obrigados a pasar unha noite e un día en Ancona. Nestes casos o mellor é pensar en Marco Aurelio cando describe sobre todas as castes de indesexables que se atopará un home ao cabo do día desde que sae da casa pola mañá. Este é o indesexable que nos tocou desde que saímos de Vigo. Foi o primeiro pero posiblemente haberá máis. Só queda facer gala daquel estoicismo do sabio romano e non permitir que a misantropía dun fillo de puta teña o poder de arruinar un só minuto da túa vida.


Subimos ata a cidade e dámonos conta de que é preciosa (haberá algún sitio feo en Italia?). E ao día seguinte aínda haberiamos de descubrir outras partes da cidade aínda moito máis bonitas. Como é unha cidade portuaria á que sempre se vai para coller o barco para Grecia, e como para ir ao porto non hai que pasar pola cidade, chégase a crer que non debe merecer a pena coñecela. Pero o descubrimento é marabilloso: unha pequena cidade, chea de vida, tranquila e amable, e con esa hermosura cálida y precisa que teñen as vilas italianas. Ancona, que en latín significa “recodo”, transformouse, por desexo do emperador Trajano, no gran porto do Adriático. Quizá hoxe aínda siga séndoo.

Preguntamos por un hotel barato e indícannos un alí mesmo, o hotel Euro. Sinxelo, céntrico, limpísimo e realmente barato (20 €). Para pasar unha noite está ben.
Á fin e ao cabo terminamos agradecéndolle ao bastardo dos billetes que nos obrigou a coñecer Ancona. A mellor vinganza contra as malas xentes é converter as súas maldades en bonitos agasallos.
Langraneamos pola.cidade. Fai frío, cae un orballo lento que é case neve .A cidade ten unha ancha avenida peonil que cruza o centro perpendicularmente ao mar e desemboca nun parque. .
Cruzando cara á esquerda da avenida hai pequenas rúas con bares e restaurantes. As terrazas están cubertas, cercadas con biombos, cristaleiras e estufas exteriores. Coa prohibición de fumar só se conseguiu que os hostaleiros dupliquen o espazo do local con espazo público. As terrazas para fumadores, aos poucos, vanse acondicionando e pechando ata que son un local máis, pero na vía pública. Estase ben, ceando fora, no medio do frío pero sen sentir frío. Sen sabelo caemos no mellor restaurante da cidade, rica pasta a un bo precio. .

Despois tomamos un viño nun típico pub inglés. Os italianos exportaron a pizzerías, os turcos os kebabs, os chineses os restaurantes, os ingleses o pub con Guinnes… e os galegos os famosos restaurantes de “a materia prima non pode ser mellor”, o que ven decir “que pena que cunha materia prima tan boa non se saiba cociñar.

No hay comentarios: