Datos personales

Mi foto
Recitais de poesía, lecturas, presentacións de libros, teatro, marionetas, circo, cursos de baile, música, ioga, gastronomía, idiomas... No CAFÉ UF sempre se reuniu dunha forma estable gran cantidade e colectivos. Desde unha radio pirata que durante un tempo emitiu desde aquí a un colectivo anticonsumo, desde unha tertulia de literatura, a un club do viño, desde un colectivo de ciencia ficción a un coro...

10.7.09

DE XARDÍNS, TERRAZAS, CAFÉS... (II) Pasionaria



A gran pasionaria que se vai estendendo por todo o xardín partindo do sebe que hai á dereita, foi plantada no xardín do café UF fai dous anos. A flor da pasionaria é a flor da paixón, pero non da paixón humana, se non da Paixón divina, a do fillo de deus feito home. A súa flor ten a cor morada da Paixón, e o branco da pureza. Ten tamén unha coroa, e os tres cravos da crucifixión. Os cristiáns sempre están dispostos a ver signos divinos detrás das cousas máis absurdas. Poden ver a cara do seu Cristo nun xamón, nas paredes de Vélmez, e unha vez escoitei nun autobús a dúas boas señoras que falaban sobre isto. Unha delas dixo: “desde logo, mira que dicir que se apareceu a cara do noso Señor nun radiador”.
Todo o cristianismo está construído sobre as mentiras de Pablo de Tarso. Son XX séculos de millóns de mentiras, aberracións e absurdos.
Pero a pobre planta non ten a culpa. É unha planta humilde, agradecida, non necesita coidados humanos, crece en terras pobres, e polo pouco que recibe dá xenerosas guirnaldas de follas verde escuro que forman triadas, porque sabe, na súa humildade, que ese é o número perfecto. As súas ramas longas e flexibles utilizan como método trepador longos filamentos que se enroscan como tentáculos a calquera cousa á que poidan agarrarse.



A súa flor non é nada ostentosa. As súas cores suaves confúndense coa follaxe. Hai que fixarse para velas. Case non teñen talo. Son pequenos e pudorosos soles silenciosos, que tremen á tardiña e recóllense cando a luz esmorece . .
Algúns cren que á Pasionaria, a heroica dirixente comunista, púxoselle ese sobrenome porque adornaba o seu pelo con flores da paixón cando de nena lle levaba a comida á mina ao seu explotado pai. Outros pensan que lla chamou así pola paixón que puña nas súas intervencións oratorias. Pero non é certo, por paradoxal que resulte, chamoulla A Pasionaria porque antes de ser comunista, era moi devota. Nunca ninguén me explicou por que os vascos son tan católicos. Se abrazasen outra relixión distinta a dos españois, hoxe serían independentes.
Dolores Ibarruri, ademais, tiña unha nai castelá. Castela sempre viviu o catolicismo dunha forma transcendental. Eu creo que os casteláns sempre viron como unha anormalidade inexplicable o feito de que Terra Santa non estivese na Mancha.
Gústame que esa palabra “mancha”, sexa de orixe árabe, significa “chaira alta”. Gústame porque eses rancios nacionalistas españois crense unha raza única elixida por Deus para salva á súa Igrexa Católica, eses españois intransixentes e dogmáticos que agora preconizan a nova expulsión dos musulmáns inmigrantes, teñen o seu idioma e o seu sangue mesturadas con sangue árabe, xudía, xitana, grega, vasca... E gústame porque, das dúas acepcións que a palabra “mancha” ten en castelán, unha, mostra o seu pasado árabe, e a outra a súa incultura hispanocéntrica. No seu estúpido desprezo polo distinto traduciron historicamente. Canle da “Manche”, non por “Manga” que é o que significa en francés, se non por “Mancha” que é o que parece que significa. Fai falta ser moi tarugo, só así se pode ter encerrados no castelo castelán a pobos que non son capaces, nin o pretenden, de ser tan bárbaros.



Pasionarias, femininas, firmeza e flexibilidade, intelixencia de muller, adaptación, discreción, xenerosidade, desprezo do benestar persoal e a ostentación. Se a Pasionaria fose home o comunismo español, e quizá a historia mesma do Estado Español, fosen distintas. Se fose home, tería sido Secretaria Xeral do PCE en lugar dese Moisés maquiavélico que se encargo de conducir ao sufrido pobo antifranquista, ao longo de case corenta anos, polo deserto do fascismo, ata a terra prometida da democracia burguesa, monárquica-franquista e española. Cando Pasionaria dixo que o eurocomunismo eran “bobadas de Santiaguito”; se fose ela, en lugar se Santiaguito Carrillo, Secretaria do PCE, huberan tido cambado as cousas. Pero era muller, e o PCE nunca tivo unha muller como Secretaria Xeral, aínda que teña unha Pasionaria no seu seo.
A historia é un xardín chedo de malas herbas. .

CAFÉ, UF.
CIDADE, VIGO.

No hay comentarios: