(I)
DE XARDÍNS, TERRAZAS, CAFÉS, PLANTAS, FLORES, ÁRBORES, TEIMAS, ABSURDOS, VIOLENCIA, OBSESIÓNS, A ESTÉTICA DOS BURROS, E A ESTÉTICA DE VIOLENTAR A NATUREZA…
A TERRAZA DO UF está posta no que era un pequeno xardín interior doméstico do edificio de principios do S. XX no que está o café da rúa Pracer de Vigo. O gran loureiro que nel hai, plantouse cando se terminou o edificio. Unha fucsia, unha vella hortensia e unha mata de begonias é todo o que queda de cando se abriu o CAFÉ UF. Todo o que agora hai nel, plantouse ou creceu casualmente sen ningún plan determinado, libre, anárquicamente, sen violencia, sen exercer a prepotencia do tolo que quere controlar a pequena natureza baixo a ditadura de caprichos tan absurdos como esteticamente discutibles.
A primeira planta que debe medrar nun xardín (e en calquera lugar) é a da Liberdade. Deixar que a vida medre en liberdade, as plantas saben como teñen que facelo, son intelixentes. Iso que chamamos “millóns de anos de evolución” é unha forma admirable de inteligencia: de adquirir recursos sorprendentes para seguir existindo.
Algunhas das plantas que crecen neste xardinciño, son produto dun longo e intelixente proceso: a planta produce pequenos frutos de cores e sabores que lles gustan aos merlos, estes cómenas tragando con eles as sementes que non son destruídas polo organismo do paxaro que acaba por expulsalas cos excrementos. Despois a terra, a humidade e o sol realizan o final da operación, e crece a planta onde a casualidade decide. Crecen, dan froito e outros merlos cómenos, e vanse outros xardíns, e o proceso repítese. Algo que non é capaz de facer o home, un ser que sempre a caga, pero dos seus excrementos só crecen destrución, desolación e melancolía.
O que chamamos “xardín”, non foi outra cousa que a utilización das plantas e as árbores para criar unha obra plástica vexetal, segundo un plan “humano?” preconcibido. Grandes ou pequenos, interiores ou exteriores, públicos ou privados… os xardíns sempre consistiron en forzar a plantas e árbores a funcionar, non como son, senón como o que o home quere que sexan. Planta, trasplanta, curta e recorta, poda, inxerta, torce e retorce, sementa e arrinca, rexe e dirixe, ata, transforma, cambia… Quere que ese anaco de terra á que vai chamar “o seu xardín”, sexa en realidade unha mistificación da natureza. Na súa concepción da cousas, sempre antropocéntrica, o home tratou á naturaza, non como unha realidade da que forma parte, senón como algo do que extraer beneficio, algo ao que escravizar, forzar, falsear, torturar ou destruír. Iso que chamamos “home civilizado”, nunca se sentiu parte ou aliado da natureza, sempre se creu o seu dono e señor, e actuou como un terrateniente prepotente e desapiadado.
Desde que descubriu a agricultura o home creuse deus. Xa non dependía dos caprichos dos deuses, do clima, ou dos fenómenos naturais para conseguir alimentos. El xa sabía como conseguir frutos, era capaz de crear alimentos, (cousa que antes era potestade dos deuses), o que o asemella a deus, el xa era como dios. O mito bíblico do Xardín do Edén fai referencia a este feito. A expulsión do paraíso é o castigo que Yahvé infrinxe ao home por probar a fruta da árbore da ciencia, é o castigo que dios infrinxe ao home por descubrir a agricultura, a creación de alimentos, arrebatándolles ese poder a deus. Este mito aparece dous mil anos antes da Biblia, nun texto sumerio que conta a lenda de Adán e Eva, a árbore con frutos, a tentación por medio dunha serpe…
A parte máis medorenta desa sociedade onde se dá o grandioso descubrimento da agricultura, é a que cre que dios castigaralles expulsando ao home do paraíso e facendo que teña que sufrir para conseguir o seu sustento. E é esa obsesión por dominar á natureza que arrastramos desde o principio da civilización, a que nos levou a descubrir a agricultura, e a crear xardíns coa patética vaidade de quen se cre dios porque é capaz de crear catro parterres absurdos e podar os setos ata conseguir tapar o seu xardín do xardín encostado contiguo.
A explotación da natureza que supón a agricultura ten un fin de supervivencia, aínda que observando o tolo sistema de produción agrícola á que chegaron os países industrializados, (producen, subvencionados, enormes cantidades de alimentos para destruír, porque non hai suficiente consumo, mentres medio mundo morre de fame), podemos chegar á conclusión de que tamén con este descubrimento o home exerceu o seu papel destrutivo. As inmensas extensións de plástico branco, no norte de Italia ou no sur de España, para lograr un cultivo abusivo en invernadoiros que desertizan terras que eran fértil, son o verdadeiro rostro da tolemia á que o home adoita levar os seus descubrimentos, e neste caso a súa forma bárbara de exercer o seu dominio sobre a natureza. Da mesma tolemia provén a creación deses xardíns de tipo versallesco, cos seus exasperados labirintos de mirta podada en formas antinaturais, os seus estúpidos estanques e os seus rebuscadas estruturas onde nada é natural, libre, verdadeiro. E temos despois a versión cutre do pequeñoburgués co seu xardinciño de segunda residencia, cos súas setiños, coas suas árboreciños, os seus camiñiños empedradiños, os seus enaniñoos do bazar chinés, os seus cenadores de centro comercial… Tan antinaturais como os outros. Pero se ante os burgueses un se cabrea, ante os pequenoburgueses, un non sabe se chorar de vergoña, ou rir de tristeza.
Non importa que un xardín sexa grande ou pequeno, interior ou exterior, público ou privado… ese lugar que construímos para gozar da natureza, para estar en contacto con herbas, plantas, árbores… ten que ser un anaco de natureza libre, no que a man do home nótese o menos posible, se non é posible que non se note.
”¡Non temades nin esteades tristes! ¡Alegravos, máis ben, polo Xardín que vos prometeu!” O Corán
CAFÉ UF
Xuño do 2009
Xuño do 2009
No hay comentarios:
Publicar un comentario