Cadros dos pintores senegaleses H. Güeye e BBi.
O café Uf na rúa Pracer 19 de Vigo inicia unha serie de exposicións sobre pintura africana cos cadros destes dous pintores de Senegal.
Con estes dous pintores nacidos e residentes en Senegal o café Uf pretende iniciar unha serie de exposicións sobre pintores africanos non inmigrados.
A pintura de H. Güeye sorprende polo esquematismo case abstracto das súas figuras femininas. Mulleres traballando cos seus fillos ás costas, mulleres buscando auga, mulleres moendo millo, mulleres africanas reducidas a mínimos trazos, comidas polo baleiro duns vermellos rotundos e inmaculados, uns amarelos limpos e cegadores, uns laranxas cos que comezan e terminan eses días nos que a vida non se resigna a deixar de ser vida. Mulleres ás que o pintor, con gratitud e tenrura, nun “collage” conmovedor, viste con teas multicolores.
A pintura de BBi chea os cadros de máscaras africanas sobre as que flotan músicas e movementos, instrumentos e notas. Contundente reafirmación do étnico en trazos e cores. As súas teas non deixan unha físgoa de dúbida, é a seguridade que dá o recoñecer a beleza do propio.
Vendo xuntos a estes dous pintores non podemos deixar de pensar nas palabras deShakespeare: “o colorido nativo da resolución” de África, fronte ao “pálido e enfermizo” de Europa.
NO CAFÉ UF ATA O 2 DE MAIO
No hay comentarios:
Publicar un comentario